O discurso non secreto de Kruschev

Turning Point
Voceiro da Liga Comunista (EE.UU.)

Agosto de 1956


Fonte: http://www.estoutrasnotaspoliticas.blogspot.com/ - http://discursononsecreto.blogspot.com/

HTML: Fernando Araújo.


1. Sobre a eficiente circulación do material secreto!
2. O ecléctico búmerang
3. A intuición de K
4. A técnica de equiparar aseveracións con feitos
5. A técnica do rumor
6. A técnica das distintas etapas
7. Verdade..., pero!
8. Reescribindo a Historia
8. Historia non reescrita
10. Un documento real
11. O autorretrato de Kruschev

1. Sobre a eficiente circulación do material secreto!

O 24 e 25 de Febreiro de 1956, o Congreso do PCUS celebrou unha sesión secreta da que incluso os representantes dos partidos comunistas irmáns foron excluídos. Nesta reunión, Kruschev(1) empregou 25.000 palabras para denunciar a Stalin e o seu suposto "culto á personalidade".

Por que este discurso secreto non é un segredo? É máis, por que é a nova menos secreta do noso tempo (e temos en conta o matrimonio de Grace Kelly)? Por que K non ten reparos en distribuír a nivel mundial este discurso secreto despois de advertir hipocritamente:

“Non podemos permitir que este asunto saia do Partido, sobre todo que chegue á prensa. Esta é a razón pola que estamos tratando este tema aquí, nunha reunión do Congreso pechada. Debemos coñecer os límites; non podemos dar munición ao inimigo; non podemos lavar a nosa roupa sucia diante dos seus ollos.”?

O discurso de K estaba destinado a ser un segredo desvelado, a forma preferida para a calumnia. Calquera axente de Hollywood sabe que o secreto e a mellor forma de promoción publicitaria. Porén, K tiña que comprobar a reacción da audiencia nunha primeira exposición do que el denominaba “roupa sucia”. Pola tanto, a sesión foi a porta pechada como se dun ensaio teatral se tratara, pero cunha modificación: os críticos non eran benvidos. Mentres os detalles do “culto a Stalin” serían filtrados, as críticas da oposición e incluso o rexeitamento dos delegados poderían amortecerse. Estas son as condicións ideais para as revelacións de K.

Ao pouco tempo, os primeiros rumores chegaron (e non precisamente por osmose) á prensa capitalista mundial. Estes rumores foron de “alta calidade”, e resultaron ser exactos. Poucos rumores soen provir de fontes non fiábeis, e estes sobre o discurso secreto demostraron que o kruschevismo é unha fonte fiábel!

Despois do período da rumoroloxía, K considerou oportuno avanzar cara á seguinte etapa: poñer en circulación un “suposto texto”. Un “suposto texto” que permitira a revisión, aclaración ou ampliación en caso de erros. Por exemplo, os responsábeis da circulación deste “suposto texto” indican que faltan algúns puntos de delicada natureza.(2)

Para comprender ben a técnica da rumoroloxía compre salientar que incluso antes da circulación do “suposto texto”, outros correlixionarios de K, incluíndo outros partidos comunistas, captaron ben os sinais e comezaron a loita contra o “culto á personalidade” nos seus partidos.

Cando K advertiu que “non debemos dar munición ao inimigo”, estaba sendo hipócrita de dúas maneiras distintas. En primeiro lugar, deu deliberadamente municións ao capitalismo mundial co fin de utilizar a loita contra as forzas comunistas na súa loita contra a imaxe de Stalin. (K merecería un recoñecemento histórico á súa contribución á táctica da loita anticomunista). En segundo lugar, fomentou a mentira segundo a cal os comunistas teñen medo da autocrítica. Como K se mostra tan sensíbel ás observacións do inimigo, que sexan as palabras do propio Stalin as que boten ao cubo do lixo esta falacia:

“Algúns afirman que a exposición dos seus propios erros e unha crítica aberta son elementos perigosos para o Partido, porque poden ser empregados polos inimigos contra o partido do proletariado. Lenin considerou estas obxeccións triviais e totalmente erradas”. (Fundamentos do leninismo).

Despois Stalin cita a famosa pasaxe de Lenin do seu Un paso adiante, dous pasos atrás:

“...Os socialdemócratas rusos están dabondo curtidos no campo de batalla por eses ataques e continúan, a pesar destes, o seu traballo de autocrítica e exposición das súas propias deficiencias, o que incuestionabelmente é necesario para o crecemento do movemento da clase obreira.”

Por suposto, se a crítica en cuestión é groseira, non só non debe ser exposta publicamente, senón que non debería existir.

A autocrítica comunista pode, en ocasión, parecer munición para o inimigo, pero o seu alto calibre marxista supera ao seu uso indebido. Porén, as municións de K semellan beneficiar ao inimigo. (Quen estean lendo o New York Times saben que sen os aportes de K o tamaño da edición estival sería mínimo, levando o pánico á industria do papel.)

O discurso secreto de K debía ser calquera cousa menos secreto. Todo o contrario, foi deseñado expresamente para ser filtrado. O importante é que K considerou oportuno colaborar co capitalismo internacional para reeducar ao comunismo internacional na liña kruschevista.

Incluso o New York Times viuse na obriga de non reivindicar, con inhabitual modestia, o descubrimento do documento secreto. O 5 de xuño de 1956 publícase no New York Times o “suposto texto”, cun engadido sorprendente:

“Algúns observadores pensan que Moscova puxo deliberadamente o Discurso secreto nas mans occidentais”.

A editorial do New York Times di alegremente:

“...un sentimento de satisfacción debe impregnar a cada opositor do comunismo nestas últimas décadas.” A felicidade do New York Times non impide a súa sorpresa porque “ler o discurso é unha experiencia dolorosa.”

Estamos seguros de que o New York Times se recuperará rapidamente da súa “dolorosa experiencia”. Mais, canto tempo tardará o movemento comunista?

A "conciencia de clase" do New York Times fai que este teña algúns problemas para dar unha nova ao mundo capitalista que provoca a euforia dos poderosos e a desilusión dos oprimidos. A información de K deu un rodeo para chegar ás liñas inimigas antes que ao sector socialista.

2. O ecléctico búmerang

As persoas somos asediadas por distintos tipos de canallas. K non é o peor tipo de canallas: os peores son os de fala doce e K é demasiado cru. A súa crueza radica nos hábitos eclécticos, defecto común aos oportunistas.

O oportunista ecléctico recolle os seus argumentos de distintos cubos de lixo, facendo que a súa mensaxe careza de continuidade e coherencia. É un torpe ambidextro; desfai coa man dereita o que fai coa esquerda. O que defende nun parágrafo contradío no seguinte. Tan só se preocupa polo parágrafo que está escribindo, a incidencia do que escribe despois non lle importa. Mentres que un ecléctico honesto é simplemente un pensador sen adestramento, un ecléctico deshonesto é un demagogo que non acredita na memoria da súa audiencia.

Unha noite, a Lúa crecente tentou impresionar a un habitante da Terra coa súa fría luz. Alegou que o Sol era un proxector que para nada valía, ademais de emitir demasiada luz. Isto non impresionou ao habitante da Terra, que contestou:

"Non es ti un pálido parasito que tan só reflicte un chisco desa luz?"

Obviamente, o habitante da Terra non ficou impresionado da súa momentánea conversa coa Lúa. Era un aborixe australiano cun don para a balística e o sarcasmo. Apreciando o deseño da Lúa crecente por razóns simbólicas e engadido lixeiras modificacións por razóns balísticas, creou unha astuta arma arreboladiza que non só trazaba unha curva no aire antes de chegar ao obxectivo, senón que, no caso de errar o branco, volvía ás mans do tirador. Era unha arma, o búmerang, inventada para perpetuar un golpe.

K adorna esta arma coas súas mentiras para perpetuar un argumento pobre e groseiro. Un mísil para a conciencia, para pasar por certos o que non son outra cousa que deshonestos argumentos. É a técnica deste frío parasito que, mentres desacredita a Stalin, sobrevive coa luz que emana dos logros deste último.

3. A intuición de K

Cal é o obxectivo do ataque de K contra Stalin? Malia que o ataque amosa abertamente unha ideoloxía oportunista, o seu contido non é político ou ideolóxico, senón que se asenta no escándalo. Stalin é recoñecido polas súas numerosas ideas e análises expostas na súa extensa obra. Non é estraño que K eluda este terreo. Cun Stalin que xa non pode rebater, K tiña unha magnífica oportunidade para unha disección académica da obra de Stalin.

A modo de comparación, como aborda o Turning Point a figura de K? Sinceramente, permitimos que sexa K quen se ataque a si mesmo, a través das súa propia e escasa obra. Non precisamos inventar unha escabrosa vida sexual de K, nin descubrir presuntos documentos secretos, nin sequera notas marxinais. Coas palabras de K abonda.

K non só elimina da circulación os libros de Stalin, tamén os destrúe. Parvo! Nin sequera unha persoa tan traballadoramente anticomunista como Hitler acabou con toda a literatura comunista. (Consideramos a perda dunha soa palabra de K como unha grande eiva histórica. So un "editor" inconsciente querería privar á historia dos principais descubrimentos históricos do estudo da famosa eclipse de 1956.) A Enciclopedia Soviética omitiu, polo momento, o Tomo 40, que inclúe o capítulo relativo a Stalin. Desde ese momento, as referencias sobre Stalin que aparecen veñen retocadas pola imaxinación de K. Estamos convencidos de que algún día, cedo, ese volume da Enciclopedia Soviética terá unha grande valor para os coleccionistas - é máis, será un apéndice das Obras Completas de Stalin.(3)

Unha mentira que ten menos palabras que a súa corrección. Tendo en conta que K empregou menos de 25.000 palabras para construír a mentira sobre Stalin após a morte deste último, comprenderase que este artigo, que traza a traxectoria do búmerang, só se centre nas pasaxes máis representativas.

Segundo K, Stalin víase a si mesmo como un "superhome con poderes sobrenaturais equiparábeis aos dun deus. Un home que presuntamente todo o sabe, todo o ve, que pensa por todos, que é capaz de facer calquera cousa, é que se mostra infalíbel nas súas accións."

Stalin dixo unha vez:

"E precisamente co gallo de poder avanzar e mellorar as relacións entre as masas e os líderes, temos que manter viva a crítica libre e aberta todo o tempo, facer posíbel unha estreita relación entre o pobo soviético e os seus dirixentes, criticar os seus erros para que non se convertan nuns presuntuosos." (Obras Completas, Vol. XI, 1925)

K non ten en conta estas palabras e insiste no seu discurso non secreto:

"El nunca recoñeceu a ninguén que cometera algún erro, grande ou pequeno..."

Unha resposta acaída a esta acusación aparece no comezo das Obras Completas de Stalin. No limiar do Volume I, Stalin restrinxe a súa atención a unha soa tarefa: sinalar os seus propios erros. Stalin non se limita a admitir modestamente os seus erros. A súa autocrítica é específica. Dirixe a atención do lector aos seus erros en determinados artigos. Asumindo a correcta posición de Lenin no tocante á autocrítica, menciona os seus erros e a súa causa:

"...debido á insuficiencia da nosa formación teórica e á nosa neglixencia, característica dos traballadores manuais, nas cuestións teóricas, non estudamos con profundidade determinadas cuestións das que non comprendemos a súa grande importancia."(4)

Cando escribiu Stalin isto? No final da súa vida. O búmerang que seguimos indica que K é unha especie de variedade silvestre de mentirán. Imos concluír este exemplo cunha mensaxe do mentireiro K durante o XIX Congreso do Partido:

"'O mentirán non pode ser amigo de ninguén' di con razón o proverbio. Os mentiráns deben ser arrastrados á luz do día. Teñen que ser castigados severamente e expulsalos das nosas fileiras." E remate o seu informe con: "Viva o sabio líder do noso Partido e do Pobo, o inspirador e organizador de todas as nosas vitorias, o camarada Stalin!"

Seguimos.Antes que outra cousa, K quería mostrar a un Stalin antileninista, mais isto é un pouco difícil. Ofrecemos a continuación unha das máis ridículas e temerarias tentativas de K:

"Ao mesmo tempo, Stalin deu probas da súa falta de respecto pola memoria de Lenin. Non é ningunha coincidencia o feito de que, malia a decisión adoptada durante 30 anos de construír un Palacio dos Soviets como monumento a Vladimir Ilyich, este Palacio non se construíu, sendo sempre aprazado o seu comezo, permitindo que o proxecto decaera."

Que monumentais probas temos aquí! Stalin erixiu un auténtico monumento a Lenin nos seus escritos; K promete algo moito máis sólido, ladrillos sobre ladrillos! A historia do Palacio dos Soviets é interesante. Hai moito tempo, cando os debuxos do deseño foron distribuídos, suscitaron sentimentos encontrados, a maioría das veces de horror. O Palacio era rival das máis altas e rechamantes estruturas no mundo. Unha dubidosa honra! Díxose, coidamos que acertadamente, que semellaba un pastel de aniversario, cunha estatua de Lenin colocada perigosamente na cúspide. Arquitectos, incluídos soviéticos, discreparon con este deseño. A guerra puxo fin a este proxecto durante algúns anos, ao requirir demasiados investimentos. Após a guerra, segundo temos entendido, a Unión Soviética recapacitou sobre esta irreflexiva competición coas monstruosidades estranxeiras e empezouse a cuestionar con máis forza o proxecto. Cada vez máis, os arquitectos soviéticos, incluídos os que contaban co favor de K, ridiculizaron o estilo florido do rañaceos e o innecesario do mesmo.

Este é un dos moitos temas (música, xenética, lingüística, etc.,) obxecto de prolongados e polémicos debates na Unión Soviética. Tocounos ver a K choromicando polo esquecido monumento. Pensabamos que era alérxico aos monumentos! Crerá el no "culto"? Quizais confunde as xigantescas dimensións do monumento coa paupérrima solidez do seu ataque a un arquitecto que dedicou toda a súa vida a edificar as ideas de Lenin.

K ábrenos os ollos. Stalin, dinos K, é un "suspicaz enfermizo". Estamos impresionados pola intuición de K, mais, cun pouco de retrospectiva e baixando a voz, poderíamos dicir que se Stalin era suspicaz se cadra tiña boas razóns para selo. Por exemplo, non quitou K a máscara após as exequias de Stalin? Temos que preguntarnos se debemos condenar a Stalin se, segundo K, mira a unha persoa (como K?) e di: "Por que a túa mirada é tan traizoeira hoxe?" Hai xente traizoeira que algunhas veces deixa translucir un chisco esa característica tan só polos seus ollos. Ademais, a xente que leva posta unha máscara non pode queixarse dunha inevitábel mirada directa sobre os seus ollos!

Somos indulxentes sobre todo o anterior porque estamos analizando un retrato de K, pero non o compraremos. O mundo capitalista sempre tivo o monopolio destes retratos, e os comunistas -até a chegada de K- nunca tentaron rachar ese monopolio.

Como pintor, K amosa pouca disciplina. Nun momento no que K fai fincapé en demostrar o "ton fachendoso" de Stalin, o seu pincel en realidade desgarra o lenzo:

"... por cada ataque do inimigo, responderemos con tres golpes."

Que pobre opinión ten K do pobo cando presenta esta cita como un exemplo de vaidade. En varias ocasións, Stalin, no nome da Unión Soviética, advertiu ao mundo hostil cando comezaron a ameazar á Unión Soviética. A promesa materializouse.

Quizais K non sexa tan malo como pensamos. Pode que sexa un simple home apracíbel que se altera pola ferocidade de Stalin e os seus "tres golpes". O propio K, porén, destrúe esta idea de termos en conta a seguinte información:

"Eles (os fascistas) farían ben en decatarse de que calquera tentativa de ataque sobre Ucraína podería custarlles as súas cabezas. O pobo ucraíno gusta do pan branco e racharía o cranio de calquera que metese o seu sucio fociño no xardín Soviético." (Discurso no XIIIº Congreso do PCUS).

Honestamente, non temos ningunha obxección á dura expresión "rachar o cranio" (cando se aplica aos fascistas), mais non comprendemos a preferencia deste tipo de expresións fronte aos menos sensacionalistas "tres golpes" de Stalin.

Todos estes ataques son claramente persoais.

4. A técnica de equiparar aseveracións con feitos

No seu ataque contra Stalin, Kruschev asimila simples afirmacións con feitos, sen ofrecer ningunha proba. Así é como K imaxina o suposto colapso de Stalin durante a Segunda Guerra Mundial:

"Sería negativo esquecer que despois das primeiras derrotas severas na fronte, Stalin pensaba que chegara a fin. Nun dos seus discursos deses días, afirmou: 'Todo o que Lenin creou está perdido para sempre.'"

Non sería razoábel pedir que K identificase e probase a existencia dese suposto discurso? Supoñemos que non a atoparemos nas Obras Completas de Stalin. Para encher este baleiro, TP está barallando a idea de encargar a K a elaboración das Obras Completas non escritas de Stalin.

K fai referencia a un pleno do Comité Central que non chegou a realizarse:

"Eles (os membros do Comité Central) agardaron dous días para o comezo do plenario, máis de nada valeu. Stalin nin tan sequera quixo reunirse e falar cos membros do Comité Central. Este feito demostra o desmoralizado que estaba Stalin nos primeiros meses da guerra..."

Se esta afirmación (que Stalin se autoimpuxera un réxime de incomunicación!) fose certa, sería un problema de burocracia, non de desmoralización. Apuntamos este exemplo tan só para lembrar ao lector o uso indiscriminado que K fai dunha suposición. Lanza afirmacións sen ningún tipo de proba e quere facer pasalas por feitos reais.

Estreitamente vinculado ao anterior exemplo é este outro, no que Stalin

"Non se reunía e, xa que logo, non podía coñecer as opinións dos traballadores do partido."

De novo, é isto un feito ou unha afirmación? Estas observación de K lévannos a pensar que, ás veces, dúas mentiras fan unha verdade. Algunhas veces, dúas afirmacións escandalosas conducen (vía dedución) á verdade. Por exemplo, sinalamos anteriormente as afirmación de K sobre que Stalin se vía a si mesmo como un "superhome" que era "capaz de facer todas as cousas." Amósanos seguidamente a un Stalin "desmoralizado". Xa que logo, deducimos que Stalin estaba demasiado desmoralizado como para gañar a guerra e tiña demasiada confianza en si mesmo como para permitir que ninguén lle axudase a perder! Deducimos tamén que sería inxenuo confiar nesa desequilibrada contabilidade dos pecados de Stalin.

K afirma que Hitler sorprendeu a Stalin malia a advertencia de Churchill. Asumindo que esa advertencia fose real (a Unión Soviética recibiu innumerábeis advertencias e estaba en garda contra as provocacións), preguntámonos a fiabilidade e os motivos do aviso de Churchill. K esquece este aspecto, e é el mesmo quen, contradicíndose de novo, aporta a resposta lóxica:

"El (os ingleses) tiña uns obxectivos imperialistas que pasaban por una sanguenta guerra entre a URSS e Alemaña para reforzar a posición do Imperio Británico."

E precisamente por isto, temos que preguntar a razón pola que serían fiábeis os servizos de intelixencia de Churchill.

K afirma que Stalin era un ditador, e que non coñecía a paciencia nin a capacidade de persuasión. Stalin cría na persuasión 'paciente’ e, a miúdo, advertiu contra o contrario, como no famoso caso da defensa de Trotsky.

"Pouco despois disto, cando o Pleno do Comité Central se reuniu e o grupo de Leningrado, xunto con Kamenev, esixiu a inmediata expulsión de Trotsky do Buró Político, estivemos en desacordo con esta proposta da Oposición. Cando obtivemos a maioría no Comité Central limitámonos a remover a Trotsky do posto de Comisario do Pobo para a Guerra. Estabamos en desacordo con Zinoviev e Kamenev, porque sabíamos que o método de poda, o método sanguento - e eles demandaban sangue - era perigoso, contaxioso: hoxe podamos un, mañá, outro, pasadomañá o terceiro - quen ficará no partido?" (Informe Político do Comité Central do PCUS(B), 1925)

Non precisamos continuar baseándonos nos escritos de Stalin para refutar a K. Abonda cun simple exercicio de lóxica. Os ditadores ordenan, non loitan con argumentos. Hitler ordenou; Mussolini ordenou. Stalin pasou a súa vida argumentando planes, teorías, ideoloxías. Os seus discursos e os libros non son ordes ou ameazas, son exposicións e polémicas.

5. A técnica do rumor

Algunhas veces K vai alén da afirmación arbitraria; utiliza o rumor - algunhas veces incluso con testemuñas. Poñamos un exemplo. K afirma que Stalin "perdera totalmente a conciencia da realidade", que a súa única fonte de información eran as películas, que nunca falaba con ninguén, que non visitaba ás cidades, etc., que incluso durante a guerra, "nunca visitou ningunha sección da fronte... agás unha curta visita a Mozhaisk durante un período de calma na fronte". Ademais, "Stalin planificaba as operacións nun globo terráqueo". E como proba, K sitúa ao mariscal Bagramyan aquí ou a Vasilevsky alí como testemuñas.

K oponse a Stalin como un todo e tamén peza a peza. Ataca bastante ao dedo meniño de Stalin. Infórmanos que Stalin tiña o costume de dicir que cun simple movemento do seu dedo pequeno o seu opoñente sería derrotado. Por exemplo, K pon na boca de Stalin estas palabras (sen engadir fonte):

"Axitarei o meu dedo pequeno e xa non haberá máis Tito".

Segundo K, Stalin tamén axitou o seu dedo pequeno sobre outros - Kosior, Postyshev, Chubar, Voznesensky, Kuznetsov, etc.

No capítulo que precede ao de 'Conclusións' na Breve Historia do PCUS, Stalin di:

"Estes insectos da Garda Branca esquecen que o verdadeiro dono do país soviético é o pobo Soviético, e que os Rykovs (xa rehabilitado por Kruschev), Bukhanrins, Zinovievs, e Kamenevs son só empregados temporais do estado, que en calquera momento os pode varrer das súas oficinas como a tanto canalla inútil. Estes desprezábeis lacaios dos fascistas esquecen que o pobo soviético só ten que mover un dedo da man para non deixar pegada deles".

Como bos estadounidenses, podemos ver na televisión distintos deterxentes milagreiros, pero temos que comprar un en particular, o que aplicado á cita de Stalin na que fala da súa confianza no poder do "pobo soviético", borra o que convén a K e o converte nunha mostra do despotismo de Stalin. O certo é que un lacaio eliminou a expresión "pobo soviético" da cita de Stalin e engadiu un verbo na primeira persoa do singular. Estamos ante un rumor. Non hai testemuñas.

Agora outro rumor:

"Dixo (Stalin) que o académico Vinogradov debía ser encarcerado e golpeado. Presente no congreso como delegado do Ministerio Estatal de Seguridade estaba o Camarada Ignatiev, a quen Stalin lle di de maneira concisa: 'Se vostede non obtén ningunha confesión dos doutores teremos que cortarlle a cabeza'"

De novo (que sorte para a historia!) K coñece conversas, das que non hai testemuñas, nas que Stalin deixa claro o tratamento contra todo opositor:

"Golpear, golpear e volver a golpear".

Non considera o lector que K, antes de escribir o discurso, tivo que cavilar que sería necesario unha fonte para defender esa acusación tan incríbel? Despois de todo, esta afirmación soa tan falsa como a recente de Bulganin sobre as novas relacións URSS-Iugoslavia:

"Cortaremos as mans de calquera que ouse atacar a nosa amizade". (NYT, 7/6/1956)

Se alguén está desexando crer a K porque así o libra de calquera responsabilidade propia, entón o rumor abonda. De feito, o rumor con testemuñas é innecesario.

6. A técnica das distintas etapas

Nervioso polo coñecido talento de Stalin, e nervioso polas contradicións existentes no seu discurso, K emprega un dispositivo que chamaremos "Técnica das Distintas Etapas". Cando ten a vergonza de concederlle a Stalin o seu debido recoñecemento, di: oh, iso foi nunha etapa anterior, despois cambiou (etapa posterior). Deste xeito supón K que se eliminan as contradicións das súas acusacións. Malia todo isto, K non pode evitar admitir:

"O papel de Stalin na preparación e execución da revolución Socialista, na Guerra Civil e na construción do Socialismo no noso país é universalmente coñecido. Todo o mundo o sabe perfectamente".

Estes eventos ocupan un bo período da historia. Afirmando a evidencia da contribución de Stalin á preparación da revolución, á facer a revolución, á vitoria na guerra civil, e á construción do socialismo, K facilita o camiño para que nos creamos a súa teoría da posterior dexeneración de Stalin na "etapa posterior". Despois de todo, os trotskistas, a quen K defende, non poden ser apoiados facilmente durante os eventos citados anteriormente.

Cando fina este glorioso período de Stalin? K cóntanos que todo acaba en 1934. Isto quer dicir que a "etapa posterior" corresponde a un longo período na vida de Stalin -18 anos. Debemos entender que até 1935 Stalin empregou a "persuasión paciente" da que K o acusa de carecer?

Cando K se refire á loita ideolóxica cos trotskistas até 1934, admite:

"Aquí Stalin xogou unha papel positivo". Cando K se laia do castigo recibido polos trotskistas despois de 1934, el culpa á "voluntariedade" de Stalin, a súa "violencia administrativa, as súas represións masivas, e ao seu terror", etc. K está afectado por todas esas persoas que foron "condenadas... á súa aniquilación moral e física... cando a única proba existente... foron as súas autoinculpacións... obtidas grazas as presións físicas".

Xa probamos a integridade de K, así que non nos imos preocupar coas súas reflexións sobre un suposto Stalin sádico. As probas contra os trotskistas eran manifestas, e remitimos ao lector ao suplemento que acompaña esta revista. O que nos intriga non é a escabrosa imaxe que se dá de Stalin, senón, algo máis importante, a propia actitude de K -no caso de que el puidera deter o tempo o suficiente como para simular unha actitude. O problema é: se os trotskistas, á marxe de consideracións de tipo ideolóxico, son criminais, ¿está de acordo K con que deben recibir as sancións prescritas pola lei soviética? Isto precisa dunha coidadosa investigación.

A denuncia de K sobre os castigos aos trotskistas nos anos 1935-37-39 basease en que antes era correcto usar métodos "extraordinarios" durante a loita, pero, unha vez gañada esta, Stalin debeu desistir. K insiste que despois do XVIIº Congreso

"... Os trotskistas e os oportunistas de dereitas foron illados politicamente".

K admite que non houbo represión contra os trotskistas durante o período político da súa exposición. O seu argumento é que:

"...cando os adversarios ideolóxicos do partido levaban tempo derrotados politicamente, foi cando comezou a represión contra eles".

Hai un factor até o de agora omitido. Despois da súa derrota ideolóxica, os trotskistas deixaron de seren unha tendencia política para se converteren nunha banda de sabotadores contra a Unión Soviética. Se isto fose certo, retiraría K as súas acusacións contra Stalin? K admite que:

"Só foron empregados métodos extraordinarios contra as persoas que cometeran actos criminais contra o sistema soviético".

K di que os trotskistas foron vítimas da represión despois da súa derrota ideolóxica, e di que os métodos extraordinarios só se empregaban no caso de criminais contra o sistema soviético. Só co que di K abonda para comprender que eran criminais.

No XVIIIº Congreso do PCUS, en 1939, quen foi o que fixo as seguintes referencias ás sabotaxes?:

"...Os axentes dos servizos de espionaxe fascistas -os trotskistas, bukarinistas e nacionalistas burgueses.

"Estes monstros, estes parias da sociedade humana, son os malditos da poboación da Ucraína Soviética.

"...cans... desprezábeis trotskistas... todas as viles criaturas ao servizo das axencias de espionaxe estranxeiros asentados no chan ucraíno... inimigos e traidores...

"Os destrutores - os trotskistas, os bukarinistas e os nacionalistas burgueses - fixeron de todo para arruinar a gandería en Ucraína".

Non, non son verbas de Stalin; é a descrición que K fai destes criminais. Polo tanto, K sabe que a represión estaba xustificada. Mais hai un abismo entre o que este home sabe e o que se atreve a admitir. Aquí debemos facer unha chamada ao sentido común. K, menos parvo, chamou de todo a Stalin. Se este último non era parvo, por que traballou pacientemente durante máis dunha década expoñendo a ideoloxía dos trotskistas para, tras conseguir o seu illamento político, encetar as represións sobre eles? Por que non puxo en práctica desde un primeiro momento o que K chama "a súa obstinación destrutiva" sobre deles, aforrándose tantos anos de combate ideolóxico?

7. Verdade..., pero!

K emprega a técnica da "verdade, pero!" Laiase do inxusto trato sobre as persoas inocentes. Verdade, xente inocente foi maltratada. Pero... quen os maltratou e quen os expuxo aos malos tratos? (K non demostra que os inocentes mencionados por el foron realmente inocentes. E o seu "tratamento" de Beria, Bagirov, etc., desde o seu ascenso ao poder, fai que non sexa o máis apropiado para falar sobre o tema). Foron Stalin e outros, non K e compañía, os que falaron da vitimización de persoas inocentes. Foi sobre todo Stalin quen denunciou aos trepas sen principios que para conseguir os seus obxectivos etiquetaban aos seus críticos como trotskistas. Mostramos un importante caso:

En 1938, no transcurso do debate sobre a vitoria final do socialismo na Unión Soviética, un mozo integrante da Liga Comunista(5) internouse en augas perigosas ao insistir que, se ben o socialismo acadara a vitoria na Unión Soviética, a vitoria final do socialismo só era posíbel de darse a escala mundial. Por esta posición correcta, Ivanov, así se chamaba o mozo, foi etiquetado como trotskista (estamos no período dos procesos contra os trotskistas), afastado do seu labor de propaganda e ameazado coa expulsión do Komsomol. Ivanov, preso das súas convicións, escribe a Stalin.

A resposta de Stalin é típica. Dille a Ivanov que ten razón, que

"a actitude dos seus atacantes só pode explicarse pola incapacidade destes para entender a realidade circundante e a ignorancia dos principios elementais do leninismo, ou polo baleiro ideolóxico e a vaidade da que fan gala os burócratas".

Tranquilizando a Ivanov, Stalin dille:

"Polo que respecta ao feito, camarada Ivanov, de que fora 'destituído do seu traballo de propaganda e de que a súa pregunta poña en perigo o seu posto no Comité Rexional da Liga Comunista' non ten nada que temer. Se os membros do Comité Rexional da Liga Comunista queren imitar ao sarxento Prishibeyev de Chekhov, pode ter por seguro que perderán neste xogo. Prishibeyevs non é apreciado neste país".(6)

Estaba no certo, os acusadores estaban equivocados. E o odio dos Prishibeyevs cara a Stalin medrou máis e máis.

Até agora os ataques de K non están apoiados en ningún documento. Pero no próximo punto a tratar, K utiliza como proba uns cantos documentos (copias dos mesmos foron repartidas aos delegados do Congreso).

8. Reescribindo a Historia

O ataque de K a Stalin busca reescribir a historia. Para iso, emprega as revelacións de tres documentos. O primeiro é unha 'infame’ falsificación, o "Testamento" de Lenin. Esta falsificación é para os trotskistas o que para os antisemitas Os protocolos de Sión. Malia que nun futuro analizaremos a miúdo a curiosa historia do "Testamento", vémonos na obriga de facer agora algunhas proposicións básicas.

1. K non aportou probas da autenticidade deste "Testamento". É súa a responsabilidade de presentar probas. Durante décadas, os partidos comunistas do mundo empregarán esta invención como fan agora mesmo porque buscan calquera tipo de argumento para afastarse do marxismo ortodoxo.

2. O carácter de falsificación do documento ven indicado, sobre todo, por algunhas consideracións políticas que presenta. De todas as persoas do mundo, Lenin sería o último en acusar a alguén de "rudo", etc. O propio Lenin (como lle aconteceu antes a Marx) foi un branco constante dos proxectís do Emily Post.(7) Mofouse Lenin a miúdo desta queixa choromiqueira sobre a "rudeza". E Lenin foi un home coherente cun estilo coherente que reflectía o seu modo de entender a política.

3. Stalin foi o defensor máis vigoroso e coherente de Lenin mentres este vivía (como o seguiu sendo após a morte de Lenin). Lenin sabía isto, e así o deixou escrito nos documentos que existen. Stalin converteuse no Secretario Xeral dos comunistas rusos mentres Lenin vivía e coa súa recomendación. Traballaremos para facer circular todos estes documentos que están sendo ignorados na actualidade.

4. Lenin confiou en Stalin, tanto como receou de Zinoviev e Kamenev, a quen denunciou como "crebafolgas". No véspera da revolución, Lenin tentou sen éxito que Zinoviev e Kamenev confesaran a data da planificada insurrección.

5. Hai unha última cousa que dixo de grande importancia para todos os que realmente non cren en ningún culto. Pensemos por un momento que o “Testamento" é realmente obra de Lenin. E despois que? Moi simple. É o propio Lenin quen se desmentiría a si mesmo no referente á crítica ao seu mellor defensor. Sería un erro de Lenin, non de Stalin. Coidamos que un erro así non é probábel e que non existen probas da autenticidade do "Testamento". Pensamos que o único que se poderá probar son os embustes de K. Malia K non negar que Stalin durante a etapa anterior foi o máis inquebrantábel defensor dos principios de Lenin, en pé de guerra contra as ideoloxías alleas ao Partido, por qué se nega despois a darlle creto ás opinións de Lenin sobre o que este vía de cerca e o que K vía desde a distancia?

O segundo documento é unha carta da esposa de Lenin, Krupskaya, a Zinoviev e Kamenev, laiándose da rudeza de Stalin. O terceiro documento é unha suposta carta de Lenin a Stalin na que se queixa da "ruda chamada cunha dura reprimenda por teléfono" de Stalin "á miña esposa". Lenin, tamén presuntamente, ameazou cun "cese de relacións entre nós".

Nin K nin os seus documentos indican o terribelmente duro comentario que fixo Stalin. Neste sentido, a presentación dos documentos ten un baleiro. Revélase unha suposta grosería, máis a grosería en si non se revela! Non nos pararemos na carta de Krupskaya a Zinoviev e Kamenev, tan só diremos que, de ser certa, ela escolleu un ombreiros ben febles nos que chorar. De todos xeitos, unha opinión de Krupskaya non probaría nada verbo de Stalin. É perfectamente posíbel que Stalin lle fixese unha crítica a Krupskaya; fíxoo máis tarde.

Lenin escribía cartas políticas, non ameazas persoais. De novo dicimos que se estes dous documentos fosen auténticos, probarían un erro de Lenin, en parte porque Stalin foi o grande inimigo de Zinoviev e Kamenev e o amigo político de Lenin. É perfectamente posíbel que un gran home poda momentaneamente criticar incorrectamente ao seu principal defensor, mais neste caso semella pouco probábel. O balón está no tellado de K, é el quen ten que probar a autenticidade dos seus documentos e así superar a fase de simple rumor.

K acusa a Stalin de usar "unha forza brutal que xa alarmara tanto a Lenin". Este comentario está feito algún tempo despois que o suposto "Testamento" de Lenin, e K agarda que a memoria dos lectores enfraquecera. Mais cando volvemos a anterior cita de K non atopamos "forza brutal", senón unha suposta rudeza nunha conversa por teléfono. Só un presuntuoso moi confiado pode ser tan descoidado.

9. Historia non reescrita

Hai datos obxectivos sobre a actitude de Lenin cara a Stalin -só hai que ler os propios escritos de Lenin. Non necesitamos descubrir documentos do leito de morte. Como calquera persoa podería agardar, estas expresións son sempre políticas. Non falan de como Stalin agarraba a cunca do té, senón das súas contribucións políticas. No tocante aos sentimentos persoais, Lenin sentía respecto pola intelixencia de Stalin e unha estreita camaradería cos seus principios. Teñamos en conta que case todos os persoeiros políticos importantes da Rusia se opuxeron a Lenin. Stalin, moito tempo antes de que o coñecera Lenin (incluso antes de coñecer o seu nome ou alcume) defendía a liña de Stalin.(8)

En abril de 1901, en Tiflis, tivo lugar unha das primeiras e máis famosas manifestacións que houbera endexamais na Rusia. Dous mil obreiros industriais baixo o liderado de Stalin. Nun artigo do Iskra de xullo de 1901, Lenin dicía:

"O acontecemento que tivo lugar o domingo, 22 de abril, en Tiflis ten unha importancia histórica para o Cáucaso enteiro; ese día marcou o comezo da saída á luz do movemento revolucionario no Cáucaso".

Durante a revolución de 1905, Lenin sostivo unha moi boa opinión do Cáucaso baixo o liderado de Stalin.

"A este respecto, estamos por detrás do Cáucaso, Polonia e a Rexión Báltica, precisamente lugares onde o movemento superou os antigos métodos terroristas, onde a insurrección estivo mellor organizada, onde claramente se evidenciou o carácter masivo da loita proletaria".

Cando Stalin dirixe aos traballadores de Baku nunha famosa folga política en 1908, Lenin, profundamente emocionado, comenta:

"O último dos Mohicanos das folgas políticas de masas".

En 1905, nun artigo no Proletary, Lenin comenta positivamente outro de Stalin:

"No artigo Preguntas a un socialdemócrata" atopamos unha formulación excelente da cuestión da 'introdución da consciencia desde fora'".

A continuación, Lenin procede a detallar polo miúdo a formulación de Stalin.

Nun artigo de decembro de 1911, Lenin escribe:

"A correspondencia do Camarada Koba (Stalin) merece da máxima atención de todos cantos teñan relación co noso querido partido. Dificilmente podemos imaxinar unha mellor exposición da política do Golos,(9) e da súa diplomacia, ou unha mellor refutación dos puntos de vista e das esperanzas dos nosos 'pacifistas e conciliadores'...

"... Isto non pasa sempre que os liquidadores entran en contacto cos obreiros do Partido: é moi raro que o Partido reciba información tan exacta das súas vergoñentas expresións, e isto hai que agradecerllo ao Camarada Koba".

Durante a transcendental Conferencia do Partido en Praga, Stalin fora arrestado e enviado ao exilio a Solvychegodsk. A pesar disto, Lenin propuxo a Stalin como cabeza dunha comisión do Comité Central encargada de dirixir o traballo político en Rusia.

Sabemos das calumnias a Stalin cando falan do plaxio deste a Lenin no seu libro sobre a cuestión nacional. Mais, que pensaba Lenin? En 1913, Lenin escribe a Gorky:

"Referente ao nacionalismo, realmente coincido con vostede en que debe ser estudado máis seriamente. Temos un xeorxiano espléndido que traballou e está escribindo un grande artigo para ‘Ilustración’ após recompilar datos de Austria e outros lugares".

Máis tarde, no Programa Nacional do P.O.S.D.R, escribe Lenin:

"Na literatura teórica marxista, todo o relativo aos problemas e principios do programa nacional do partido foi explicado recentemente (neste tema o artigo de Stalin ocupa o primeiro lugar)".

Ás portas da revolución, Lenin rifou co Comité Central polo inmobilismo deste último que puña en perigo a revolución. Stalin apoiou a Lenin. O feito de que Lenin se sentía forzado realmente a renunciar ao seu posto no Comité Central é algo que non todo o mundo coñece. Estas son as verbas de Lenin ao respecto:

"Véxome forzado a presentar a miña renuncia ao Comité Central, que por este medio fago, deixando as responsabilidades de propaganda aos órganos inferiores do partido e no Congreso do Partido". (A crise madurou, 12 de outubro de 1917)

O 24 de outubro de 1917, a maña da revolución, o editorial do Rabochy Put(10) chama ao pobo á revolución. O "¿Que necesitamos?" foi escrito por Stalin.

E o máis evidente, Stalin foi electo Secretario Xeral do PCUS a proposta de Lenin nun pleno do Comité Central o 3 de abril de 1922.

10. Un documento real

K apenas fai caso da Breve Biografía de Stalin. Insinúa que, efectivamente, este libro é un exercicio de adulación a Stalin. Realmente, o libro presenta unha escrita bastante pobre. Moitos das contribucións máis importantes de Stalin apenas aparecen. Pero o libro ten un mérito: ofrece unha panorámica da continuidade da actividade de Stalin. Malia o suposto "culto", son moi poucos os libros sobre Stalin.

K fai referencia a unha suposta primeira edición con notas nas marxes:

"Aquí están algúns dos exemplos que caracterizan a actividade de Stalin, engadidos pola propia man de Stalin:

'Nesta loita contra os escépticos e capituladores, os trotskistas, zinovievistas, bukarinistas e kamenevistas, que definitivamente loitaron xuntos, após a morte de Lenin, o corazón principal do Partido... sostendo o gran estandarte de Lenin, continuou os mandatos de Lenin, levando ao pobo soviético pola ancha estrada da industrialización do país e a colectivización da economía rural. O líder deste corazón e a forza orientadora do Partido e do estado foi o Camarada Stalin'".

Ven os puntos suspensivos? Que significan? Que é o que exclúen? Incluso o NYT viuse na obriga de preguntar por esta ausencia e buscou a Breve Biografía (que o lector pode atopar no TP). Isto é o que os puntos suspensivos omiten:

"...consistente en Stalin, Molotov, Kalinin, Voroshilov, Kuibyshev, Frunze, Dzerzhinsky, Kaganovitch Ordzdonikidze, Kirov, Yaroslavsky, Mikoyan, Andreyev, Shvernik, Zhdanov, Shriryatov e outros".

Subliñamos a Ordzdonikidze por unha razón especial. K, xusto antes disto, no seu discurso secreto, xurara que Stalin liquidara a Ordzdonikidze forzándoo a pegarse un tiro. Mais isto é secundario. O importante é a cita que fai K de Stalin: Stalin ignora a todos menos a el mesmo. No texto orixinal, este si que se pode examinar, vemos que Stalin estende a honra a bastantes persoas máis.

A meirande parte dos documentos empregados por K non están dispoñíbeis para que o lector intelixente poda facer as debidas comprobacións. Porén, aquí temos o caso dun documento que si está dispoñíbel, polo que o lector pode verificalo e comprobar que K é un absoluto canalla.

Outro exemplo que nos ofrece este texto, e no que K tenta, de novo, darlle volta ás cousas:

"No proxecto do texto aparecía a seguinte frase:

"'Stalin é o Lenin de hoxe'.

"A Stalin está frase parecíalle demasiado débil, polo que el mesmo a cambiou por estoutra:

"'Stalin é o continuador digno do traballo de Lenin ou, como se di no noso partido, Stalin é o Lenin de hoxe'".

Agora lea as dúas versións e pense: ¿a versión reescrita esaxera ou suaviza o papel de Stalin? Deixando á marxe se realmente Stalin escribiu a suposta segunda versión, esta suaviza indubidabelmente á primeira. Hai unha clara diferenza entre "o Lenin de hoxe" e "continuador digno do traballo de Lenin". Tamén se podería engadir sen ningún problema que Stalin era, basicamente, "o Lenin de hoxe", tal como o dixera Henri Barbusse!

11. O autorretrato de Kruschev

Na nosa análise do XXº Congreso dimos unha definición básica do kruschevismo:

"O kruschevismo é unha forma actual de revisionismo e oportunismo, é a tentativa de disolver as contradicións entre a coexistencia pacífica e a revolución mundial".

Explicamos o ataque de K a Stalin como sigue:

"O kruschevismo significa a vontade de acougar ao mundo hostil coa supresión da IDEA MÁIS DETESTADA e do seu EXPOÑENTE MÁIS DETESTADO. Para o mundo hostil, a idea máis detestada é a revolución proletaria e o seu expoñente máis detestado do noso tempo é Stalin".

Por iso, chamamos ao noso artigo "A revolución proletario e o renegado Kruschev", engadindo o subtitulo de "Na defensa de Stalin". Recapitulación breve pensada para facer un chamamento ao lector para que este non chegue a conclusión simples baseándose no autorretrato de K.

K di "os feitos proban", "estes feitos revelan que"..., e tan só son as súas propias afirmación presentadas como feitos. Non é sorprendente que, aínda que os comunistas do mundo enteiro quedaron "profundamente conmocionados" polas revelacións de K, aceptaran os novos feitos inmediatamente, fácil e hipocritamente? Dicímoslle a un vello militante do Partido Comunista que, segundo K, o lema de Stalin era: "golpear, golpear e golpear de novo". Fica horrorizado. Horrorizada polas mentiras de K? Non! Horrorizado por Stalin e polo feito de que non llo dixese ninguén antes. Non está horrorizado pola súa propia hipocrisía. Como pode ser un comunista tan hipócrita? Non pode. Moitas persoas empregaron impropiamente o termo Comunista.

A aceptación acrítica dos contos de K leva a unha reflexión sobre o baixo nivel do movemento comunista. As mentiras de K demostran a súa propia hipocrisía. K non é atacado polas súas mentiras sobre Stalin, senón por non explicar o seu papel. É interesante, acéptase automaticamente a palabra dun home que, segundo as súas propias reflexións, desempeñou un papel falso desde o anos 1934.

Ouvimos moitas veces que "a verdade nos fará libres", mais neste caso as mentiras de K sobre a Unión Soviética liberan aos falsos comunistas das súas responsabilidades marxistas, podendo ser "liberais de espírito aberto". A historia de Kruschev é un regalo do ceo para este tipo de persoas.(11)

Decatámonos do duro que é pensar nunha atmosfera completamente fedenta. Durante un tempo o fedor foi grande. Agora, porén, o discurso secreto de K actuou como un coitelo que abre a infección gangrenosa do oportunismo. Que ninguén pense que o fedor ten relación co comunismo. É a gangrena do oportunismo quen proxecta ese fedor. Un fedor que proxecta no aire a nova alianza entre os supostos líderes do comunismo mundial e os seus principais inimigos. (Busquemos un sopro de aire fresco nos traballos de Marx, Engels, Lenin e Stalin).

Inevitabelmente, certos comunistas non ficaran calados e axudarán a combater esta versión da historia. Estes serán os comunistas que son capaces, en palabras de Lenin, "de protexer a honra, o prestixio e a continuidade do Partido nos períodos de 'gran depresión'".


Notas de rodapé:

(1) Desde agora K. (retornar ao texto)

(2) Segundo o New York Times, o 9 de xuño de 1956, a Agenzia Continentale en Roma imprimiu os artigos que presuntamente faltaban e nos que se fala dos "erros" de Talin en Corea, a India e China. Cito a K entre os aduladores que gañaron o Premio Stalin na casa e no estranxeiro. (retornar ao texto)

(3) Un dos resultados máis importantes pero menos citados da chegada de K ao poder foi a interrupción da impresión das Obras Completas de Stalin. Podemos imaxinar cantos datos sobre Stalin do "etapa posterior" tenta afogar K coa supresión destes volumes. (retornar ao texto)

(4) O espazo non permite a transcrición detalladas. O lector interesado e honrado non pode permitirse deixar de ler este prefacio. Se o lector ten dificultades para atopar unha copia, póñase en contacto con TP. (retornar ao texto)

(5) NdT. Liga Comunista Leninista da Xuventude de Toda a Unión. Mocidades do PCUS, tamén coñecidas como Komsomol. (retornar ao texto)

(6) O Sarxento Prishibeyev é un relato curto de Antón Chekhov. Prishibeyev reúne na súa persoa unha mestura de burocracia, estupidez, rectitude e crueldade. (retornar ao texto)

(7) NdT. Emily Post (1873-1960), escritora estadounidense especializada nos bos modais burgueses. (retornar ao texto)

(8) A meirande parte das citas de Lenin nesta parte están tomadas do libro de Beria A Historia da Organización Bolchevique en Transcaucasia, un estudo moi documentado das primeiras escrituras e actividades de Stalin. (retornar ao texto)

(9) NdT. O Golos Sotsial-Demokrata era o órgano de expresión dos mencheviques Mártov e Dan e do seu grupo fraccional. Comezou a publicarse en Xénova en 1908 para trasladarse o ano seguinte a París. O derradeiro dos seus vinteseis números foi publicado en 1911. (retornar ao texto)

(10) Pravda. (retornar ao texto)

(11) No noso seguinte artigo, analizamos a confusión causada polo discurso de K noutros Partidos Comunistas e a declaración do Comité Central do PCUS. (retornar ao texto

Inclusão: 01/12/2021